Publicado por: deboracampos | Xullo 2, 2009

Caladiños

O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos.

O que ten de bo que unha porta se peche é que convida a abrir unha xanela. E calquera sabe que mentres as portas clausuran, deixan dentro ou fora, as ventás valen para soñar e imaxinar. Pódese sair pola fiestra sen moverse do sitio, pódese voar ceibe e ledo sen correr os cristais, e pódese enlazar unha xanela coa outra para ser cada vez mais libres. Pola contra, as portas crúzanse só co corpo. E os que hoxe entran, mañá sempre saen.

Para min, as 122 columnas que fun enfiando nos últimos dous anos no Diario Cultural da Radio Galega foron unha posibilidade marabillosa de dar conta dunha Galiza que non vive na terra pero que late ao mesmo ritmo vital. Cada xoves, entre as 15.55 e as 16 agradecin esa oportunidade dando conta de vidas, de historias, de sitios, de pensamentos, de loitas, de cores e de sons, de libros, de costumes, de inxustizas, de sorpresas, de soños e de pesadelos.

Fíxeno no meu galego, que os amigos xenerosos definen como exótico; un galego inzado de erros e de notas altisonantes, que é en si mesmo unha declaración. Eu falo galego. Mal. Ao lonxe. Pero falo galego.

Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!

Para cada un e cada unha de vós, que estivéstedes alí estes dous anos,

Apertas ao lonxe…

Advertisements

Responses

  1. Excepcional, unha vez máis e van como mil, a reflexión. Como en máis dunha vez che dixen, EU SON FAN DE DÉBORA CAMPOS!

  2. Graciñas pola compaña albixou!

  3. Grande texto para poñer o ramo. “Boa semana… ao lonxe”

  4. A túa despedida é magnífica pero quédame a espiña de non comprender como lle podes facer ben ao programa marchando del. De que serve termos un programa cultural onde nos mandan calar? Que tipo de cultura é esa? Que tipo de Radio? Eu teño ben claro que non vou volver sintonizar esa emisora. Se é unha radio onde non ten lugar xente coma ti ou Xurxo Souto, non a quero. Que a coman toda eles e os que lles aceptan o “ordeo e mando”.

  5. […] a Ana Romaní e o seu equipo de xornalistas, segue no blog Das orixes de marzo todos os martes. Porque non imos quedar caladiñas, non si, […]

  6. Cando leín en vieiros a nova do aniquilamento das opinións lembreime de Débora Campos e como cada xoves dende o outro lado do atlántico poñia todo o setimento nas suas verbas ao servizo da cultura e identidade de Galiza. Verbas que seguro espertarían en máis de un a autoestima por o que somos no mundo, galegos. Lembro especialmente as emotivas verbas logo do pasamento dun familiar que fixeron que se me nublara a vista. Péchase a porta pero quedan as fiestras, como esta.

  7. Graciñas Helena! o ramo, benmirado, é o teu deste martes. Apertas moitas!

  8. Ola Manuel! graciñas polo teu comentarios e polo teu apoio. Síntese ben un, mesmo nestas situacións, tendo estes aloumiños de paabras. Sobre o caso, nun panorama de peche de programas tan valiosos como Libro Aberto, por exemplo, o feito de que no Diario Cultural “so” quiten ás voces de opinión semella ser o mal menor ou, cando menos, a condición que fai posible que a medida non sexa a que xa foi noutros ciclos culturais da mesma radio.
    De todos os xeitos, o Diario Cultural é un símbolo e un espazo de pensamento que permite ollar a realidade dende un punto de vista plural e rico. Iso está máis alá dos que calamos hoxe. E iso vai seguir alí porque, como dicimos os xornalistas arxentinos aos políticos que de cando en vez fan cousas coma esta: os políticos pasades e os xornalistas quedamos.
    Apertas moitas!

  9. Graciñas Suso polo teu comentario. Se fose como dis, se cando menos un ou unha persoa sentiuse un chisquiño mais orgulloso do que é logo de verse reflectido nas historias dos galegos no mundo, entón eses 122 comentarios cumpriron o seu único obxectivo. Emocionoume esta tua mensaxe e moito cho agradezo.
    Apertas dende esta beira do Atlántico!

  10. Chega unha nova noite de…Silencio. Unha noite que nos animará a loitar con azos anovados.
    Noraboa Débora pola túa achega.
    Poden facerse os xordos, pero non poden calarnos.
    Apertas dende a Galiza territorial.
    Lionel

  11. Graciñas Lionel! Apertas dende unha Bos Aires na que é inverno.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: