Publicado por: deboracampos | Xuño 26, 2008

Os guieiros

Di Graciela Pereira que hai unha xeración perdida de galegos. Di que son homes e mulleres que fixeron un traballo de lazo que -quen sabe por qué- quedou atrapado na brétema da desmemoria. Di que son o elo perdido entre os Castelao, Blanco Amor, Seoane e Dieste, e as persoas que hoxe levan os destinos das institucións galegas na Arxentina.

Di Graciela Pereira que non sabe por qué as cousas son como son, pero que cumpre remedialas. Ela -como outros do seu tempo- son os fillos desa xeración perdida. Son os seguidores e os froitos deses libros, desas conferencias, deses “cursillos”, desas cancións e desas loitas que tiveron sitio en tempos difíciles e pouco dados á publicidade.

Se fose posible medir a relevancia do feito por esa xeración no exemplo dunha persoa, a propia Graciela Pereira é a mellor testemuña. Ela mesma lembra como foi o seu avó quen a levou da man ás institucións nas que participaba sementando nela, daquela e para sempre, unha pertenza que agroma unha e mil veces. Como as sementes.

Graciela Pereira é cantante e puxo a súa delicada voz á música tradicional galega pero tamén ao tango porteño que canta en galego. Graciela Pereira é profesora e leva os sons e a poesía galega ás súas clases nas escolas bonaerenses. Graciela Pereira traballa no ensino e da relación cos nenos xurdiu a asociación cultural que preside.

Dende ese espazo é que, hai pouco meses, argallou un ciclo de encontros que buscan recuperar e lembrar a esa xeración perdida da que ela tanto sabe porque é a xeración que a formou. As reunións levan un título claro: “Os guieiros. Aqueles que mantiveron aberto o camiño á Terra Nai”. O segundo sábado de cada mes, no encantador Café Montserrat, unha figura é tema e é homenaxe.

No mes de abril, o profesor  de lingüística y filoloxía románica  da Universidade do Salvador Hixinio Martinez Estévez trouxo ao presente a figura e a pegada de Ricardo Flores Pérez, alcumado o “patriarca dos escritores galegos en Bos Aires”. No mes de maio, Carlos Fernández lembrou a Diego Álvarez-Álvarez, a alma creadora da Fundación Xeito Novo. E nos últimos días, o historiador Hernán Díaz recuperou a figura foi Bieito Cupeiro Vazquez, mestre e escritor.

E hai máis. Moitos outros aos que recordar neste ciclo de “memoria histórica e afectiva”, como di Graciela Pereira. A cantante, a profesora, a herdeira, o froito. Por certo, sabedes como se chama a asociación que ela preside e que está detrás deste traballo tan fermoso: Os Gromos. Claro.

Apertas ao lonxe…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: