Publicado por: deboracampos | Xuño 12, 2008

A luz dunha biblioteca

Vinte, trinta chanzos son os que levan dende a porta do pazo que a Federación de Sociedades Galegas ten no barrio de San Telmo á sala que ocupa a Biblioteca Galega de Bos Aires. A escaleira, magnífica, renxe conforme se adianta nela. É un son que ven do pasado. Un ruído que con seguridade leva soando décadas e décadas e décadas.

Vinte, trinta chanzos son os que levan á sala que ocupa a Biblioteca. Nela non queda máis remedio que creer nun deus, nunha cousa ou nunha persoa mais sabia ca todos os homes e as mulleres. Iso pasa nese momento delicado, case que triste, no que cada tarde morre e unha luz amarela con lembranzas de dourado, baña toda a sala. Son uns minutos, non máis, pero alí, diante desa mesa xenerosa, apertados todos polos andeis de libros que falan en galego, todo semella fermoso.

A poucos metros desta sala, tivo sitio nestes días o  III Encontro de Bibliotecas de Colectividades. Máis de trinta participantes da Arxentina compartiron información e experiencias destes milagres que son as entidades que gardan, comparten, alimentan as literaturas do mundo.

A Biblioteca Galega de Bos Aires non fixo ainda o seu primeiro ano pero o tempo chegoulle ben para facerse un sitio na colectividade. É a primeira fóra da Galiza e -a diferenza das moitas coleccións de libros e documentos que os centros gardan- os materiais dela poden ser consultados e levados a casa por calquera socio.

Con todo, como a escalinata, a biblioteca leva décadas e décadas soando. Xa no 1943 a Federación creara o Ateneo Curros Enríquez, que tiña entre os seus obxectivos dar corpo a unha biblioteca “para perpetuar o espírito progresista e republicano, e fomentar a cultura das persoas asociadas e de toda a colectividade galega”.

Ese primeiro anhelo foise nutrindo da xenerosidade da Editorial Galaxia, de Ediciós Do Castro e da Fundación Sotelo Branco, así como a das persoas: o Centro Republicano Español entregou o seu arquivo, o mesmo fixeron as familias do coronel republicano Francisco Galán, a do dirixente do CRE Antonio Salgado, a do republicano López Silva, as fillas do dirixente nacionalista exiliado na Arxentina Manuel Pedreira, e os herdeiros do poeta e xornalista José González Ledo. É por isto que a Biblioteca é referente obrigado ao momento de investigar a Guerra Civil e os seus ecos na diáspora arxentina.

Vinte, trinta chanzos levan á sala. E moitas décadas e moitos esforzos levaron a este tesouro que é a Biblioteca. Mentres a escalinata non deixa de renxer. Mentres a cultura galega non se apea.

Apertas, ao lonxe…

Advertisements

Responses

  1. O Día da Patria fará un ano que tiven o pracer e a honra de te coñecer no pasado Festigal. Non sei se terás ocasión de vir pola terra, pero se o fas, gustaríame contribuir á circulación de libros en galego polo mundo adiante. Supoño que coñeces o bookcrossing (http://www.bookcrossing.es) que tamén existe na Arxentina. Dispoño dunha serie de libros dos que non me importaría que unha selección cruzase o atlántico. (http://www.bookcrossing.com/mybookshelf/lourixe)

  2. Lourixe, que ledicia a tua visita por este recanto!!!!! Certamente, temos moitos amigos e fans do bookcrossing aquí na Arxentina. De feito, un xornal chamado Crítica sumouse ao fenómeno cun xogo cada fin de semana por ver de alentar máis a “liberación” de libros. Non pensara antes a posibilidade de facer unha arañeira de bookcrossing entre galegos do mundo, pero semella unha posibilidade fermosa!!!! Tristemente este ano non vou estar pola terra para estas datas (desta vez tócame visitar o quirófano 😦 ), pero quen sabe… a vida da moitas sorpresas (das boas e das malas) e se cadra atopo algunha escusa para voltar daquí a pouco.

    De novo, moitas moitas grazas pola visita e sobre todo pola xenerosidade. Xa verás que xurde algo fermoso deste comentario teu!!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: