Publicado por: deboracampos | Xuño 5, 2008

Orfos de letras

Mais de 300 mil galegos hai nesta cidade. Máis de 300 mil galegos e ningunha librería.
Aos seus habitantes, Señor, que lles pasa?
Odian a fantasía, odian a liberdade?

A paráfrase do poema de Baldomero Fernández Moreno, ese que os nenos neste país aprendemos nas escolas de cativos, ten algo de broma. Porque todo o asunto ten que ter algo de broma. Senón non se explica.

Neste país, onde 5 millóns e medio de persoas teñen sangue galego percorréndolles o corpo, pódense atopar librerías francesas, librerías inglesas, librerías italianas e librerías alemás. Pero a única librería galega que tiñamos ven de pechar as súas portas. E non é broma.

Funcionaba no Centro Galego de Bos Aires. Fai un ano faleivos dela. Por todo espazo tiña un recanto mínimo no acceso ao hospital, un recuncho enxertado ao lado dunha escada. Ainda hoxe a páxina do centro gábase da súa presencia: “Incluyendo las Ediciones Galicia, tenemos a la venta 650 títulos de diversos temas de literatura, historia, lengua, etc. importados de diversas editoriales de Galicia, como también se ofrecen cassettes y CD con música folclórica gallega”, di. En castelán, di.

Polo que contaba a rapaza que atendía a librería, o mecanismo que se implementaba para mercar os libros facía imposible que houbese alí novidades editoriais da Galiza. De feito, non as había.

Polo que contaba o director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luis Bará, as editoriais non teñen interese na venda de libros na diáspora. En todo caso, se cadra, o que lles interesa é a venda dos dereitos sobre as súas obras. Por riba, non é doado implementar un ponto de venda nesta cidade onde atopar literatura recente galega (e por recente, falo dos últimos vinte anos, non vaiades creer outra cousa… e isto tampouco é broma).

Polo que todos sabemos, o galego é unha lingua que calou fai anos aquí. Falar fálase. Pero pouco. E claro, qué grande negocio pode ser o de vender libros aquí? Con todo, eu volvo traer aquí unhas preguntas que xa fixen: é posible pensar que haberá máis lectores e máis falantes sen libros? Non haberá outras alternativas para os lectores galegos que non viven na Galiza? Se hai quen imaxinou un sitio como Praza das Letras, non pode alguén rescatarnos deste silencio, desta orfandade dos contos, das novelas, dos poemas e das pezas de teatro que tan ben falan de nós e nos reflicten?
Apertas, ao lonxe…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: