Publicado por: deboracampos | Maio 1, 2008

Onde fica a Galiza?

Chego hoxe correndo porque de festivo este día ten pouco para min. Como vedes, veño cargada de mapas e cartas de navegación, un telescopio e un catalexo, un caderno para levar a miña bitácora e o compás. Dende o sábado, ando na procura da Galiza.

Eu, coma vós, pensaba que sabía ben onde ficaba a terra: ao noroeste da Península Ibérica lindando con Asturias e Castela e León ao este, co Atlántico ao oeste, co Cantábrico ao norte e con Portugal ao sur. Pois hoxe sei que a xeografía non é quen de orientarme nesta procura.

Eu, coma vós, pensaba que os números falaban da Galiza: 30 mil quilómetros cadrados e 1.200 quilómetros de costa, 500 millóns de árbores, uns 2,8 millóns de persoas, un millón de vacas e 1.200 pobos nos que xa non vive ninguén. Pois hoxe sei que tampouco a matemática é quen de levarme a Galiza.

Eu, coma Castelao, creo que Galiza é “unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de território, de vida económica e de hábitos sicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura “. O que non sei é onde fica a Galiza.

De feito, sementoume a dúbida unha rapaza arxentina, neta de galegos, que o sábado pediu a palabra nunha xuntanza cos escritores galegos Francisco Fernández Naval e Ramón Caride, aquí en Bos Aires. Falábase alí de libros e de literatura, de lectores, cando a moza da que vos falo e que se chama Cecilia ergueu a man e quixo saber: “Eu non sei –dixo- cal é a Galiza real. Se é a que lembraban os meus avós. Se é a que atopei alí, cando fun, e que nada tiña que ver co que me contaran. Se é a que eu constrúo a metade de camiño entre a que xa non existe e a que hai alí”.

Todos quedamos pensando. Se cadra, todos dalgunha maneira saimos dalí cos nosos mapas e cartas de navegación, telescopios e catalexos, e un caderno para levar a nosa bitácora porque a expedición xa comezara.

Ainda non atopei as coordenadas. De momento, eu, coma Manolo Rivas, penso que “a Galiza está e non está na Galiza”. Penso que “é un lugar e un deslugar”. Penso que a Galiza é dende fai máis dun século a aldea global imaxginada por Marshall McLuhan. E penso que somos moitos no mundo os que navegamos os mares bravos dos sentimentos e das clasificacións, na procura dalgo noso que, se cadra, non está en ningures senón que vai con nós.

Apertas ao lonxe…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: