Publicado por: deboracampos | Abril 3, 2008

A vergonza das Malvinas

Como todas as persoas, os paises tamén teñen as súas vergonzas. E nós, na Arxentina, vimos onte de lembrar o aniversario dunha delas: a Guerra das Illas Malvinas. Dende logo, no asunto, non hai rankings que sexan do gusto de todos. Haberá quen atope mais vergoñento algún outro momento da historia, algunha outra desfeita. Porque, todo haino que dicir, na historia arxentina hai moitas vergonzas onde escoller.

Pero a Guerra das Illas Malvinas do ano 1982, a diferenza doutras catástrofes, non é asumida. Pasaron 26 anos e á morte dos 649 soldados arxentinos houbo que engadir a sangría do suicidio dos máis de 350 ex combatentes que ainda que sobreviviron ás balas, non foron quen de sobrevivir á vergonza e ao esquecemento cos que foron recebidos á volta da guerra.

Dixen soldados arxentinos? Pois non, soldados non: rapaces que facían a mili con menos de 20 anos e que foron mandados á guerra sen saber por onde saían as balas dun FAL e que -nas Illas- tiñan mais medo do frío e da fame que pasaban, que dos propios ingleses que, se os pillaban, cando menos os tratarían mellor do que os propios militares arxentinos.

Non é de extrañar que ese trauma deixe ver os seus síntomas na literatura. Se  a última dictadura militar é protagonista, escenario, tema ou trama dunha chea de novelas e contos, as Malvinas son un ferro quente que fire nas mans, un cheiro podre que afoga, un pesadelo que doe.

Din os que saben que sobre a Guerra das Malvinas publicáronse dúas novelas extraordinarias (Los pichiciegos, de Rodolfo Fogwill, e Las Islas, de Carlos Gamerro) e un feixe de análises académicas. Pero son rarezas nunha marea de libros de investigacións xornalísticas sobre o tema ou lembranzas de ex combatentes. Sobran silencios, como con todas as vergonzas.

Cal é o sitio da literatura diante dunha desfeita coma esta? Fixen unha pregunta parecida a algúns escritores galegos, falando da Guerra Civil. Déixovos aquí dúas desas respostas: “Mentres se manteña viva a memoria, mentres convivamos coa xente que padeceu, que viu, que escoitou, seguiremos escribindo”. Díxoo Francisco Fernández Naval. E Anxo Angueira asegurou que o rol da literatura é o de cavar: “Igual que se está cavando para desenterrarmos tantas e tantas vítimas sepultadas en foxas comúns, en calquera lado, a literatura tamén pode cavar, debe cavar para deitar memoria sobre o horror fascista e pór á luz da dignidade aqueles e aquelas que deron a vida pola liberdade”.

Apertas ao lonxe…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: