Publicado por: deboracampos | Febreiro 21, 2008

Cuba é galega

Vaia audacia a miña desta tarde que quero falar de Cuba, pero dende Bos Aires. En verdade, nada podería eu engadir ás crónicas que fai cada día Begoña Caamaño pintando cores e formas da presenza galega na Feira Internacional do Libro da Habana. En verdade, tampouco é falar de Cuba senón dunha cubana, nova, talentosa creadora.

Hai algo menos dun ano, coñecín a Natasha Vazquez. Para ser rigorosos, o primeiro que coñecín foi un dos seus documentais. Titulábase Los últimos gaiteiros de La Habana e o programa da tarde engadía logo da proxección unhas verbas da directora.

A película conta a historia do último dos gaiteiros galegos da Habana, un pontevedrés de noventa anos chamado Eduardo Lorenzo Durán. O filme explora as pegadas humanas e culturais que este vello galego foi imprimindo na formación pero sobre todo na alma dos seus alumnos cubanos. E tamén a rareza que significa un instrumento como a gaita no panorama musical cubano.

O guieiro de toda a historia é un mozo negro chamado Wilber Calver que se fixo coñecido logo da súa participación na película Habana Blues de Benito Zambrano. Wilber foi o derradeiro alumno de don Eduardo Lorenzo Durán. Pois a tarde na que vin o documental, o son da gaita de Wilber que saía da película mesturouse co son da gaita de Wilber que estaba presente, agochado na sala, e xurdiu maxicamente entre as xentes, moitas delas a chorar da emoción.

Detrás disto estaba tamén Natasha Vazquez. Non é porque sexa graduada en Xornalismo Internacional no Instituto de Relacións Institucionais de Moscú, nin porque traballase na emisora Radio Metropolitana, na Habana, e na Televisión Cubana. Tampouco porque dirixe a productora audiovisual AS Vídeo. Penso que para entender o talento desta muller, a súa ollada e o seu virtuosismo para contar o que conta só é preciso enfocar nunha clave: o que Natasha Vazquez fai non é máis que enfocar na universalidade da cultura galega.

O que vemos no seu traballo é o que sabemos dende tempos pretéritos: Galiza non remata no seu territorio. Galiza está en todo o mundo e a cultura galega é tamén galega en Cuba, na Arxentina, en Caracas ou en Nova Iorque. E ten razón o gañador do concurso “Letras de Galicia a Cuba” cando dixo: “En poucas verbas dígolles a todos os cubanos: A nosa cultura tamén é vosa!”. O premio do concurso, claro, é unha viaxe a Cuba.

Apertas ao lonxe…


Deixar un comentario

Categorías