Publicado por: deboracampos | Xullo 2, 2009

Caladiños

O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos.

O que ten de bo que unha porta se peche é que convida a abrir unha xanela. E calquera sabe que mentres as portas clausuran, deixan dentro ou fora, as ventás valen para soñar e imaxinar. Pódese sair pola fiestra sen moverse do sitio, pódese voar ceibe e ledo sen correr os cristais, e pódese enlazar unha xanela coa outra para ser cada vez mais libres. Pola contra, as portas crúzanse só co corpo. E os que hoxe entran, mañá sempre saen.

Para min, as 122 columnas que fun enfiando nos últimos dous anos no Diario Cultural da Radio Galega foron unha posibilidade marabillosa de dar conta dunha Galiza que non vive na terra pero que late ao mesmo ritmo vital. Cada xoves, entre as 15.55 e as 16 agradecin esa oportunidade dando conta de vidas, de historias, de sitios, de pensamentos, de loitas, de cores e de sons, de libros, de costumes, de inxustizas, de sorpresas, de soños e de pesadelos.

Fíxeno no meu galego, que os amigos xenerosos definen como exótico; un galego inzado de erros e de notas altisonantes, que é en si mesmo unha declaración. Eu falo galego. Mal. Ao lonxe. Pero falo galego.

Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!

Para cada un e cada unha de vós, que estivéstedes alí estes dous anos,

Apertas ao lonxe…

Advertisements
Publicado por: deboracampos | Xuño 25, 2009

A polémica pola Delegación

O que ten a Verdade, como tamén a Mentira, é que moitas veces -máis das que nos gusta pensar- non son unánimes. A Verdade adoita agochar fendas e quebras, tanto como a Mentira pode ter e ten facianas de honestidade. Deses matices é que fala nestes días a polémica sobre o destino da Delegación que a Xunta de Galicia ten en Bos Aires.

O Goberno galego abriu a súa sede na Arxentina no mes de outubro do ano 2007. Para funcionar, alugaron un moi amplo espazo (uns mil metros) sobre a céntrica rúa 25 de Mayo. É este emprazamento e os custes do aluguer o que sementou a polémica.

A comezos deste ano, o daquela candidato do PP e hoxe presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, anunciou a súa intención de pechar a Delegación porque -explicou- se poden ofrecer os mesmos servizos sen gastar tanto. Na outra beira, os socialistas rexeitan a medida porque -acusan- o que busca é partidizar o contacto cos cidadáns.

“A Xunta elixiu un local que está no corazón da cidade de Bos Aires, próximo aos asentamientos dos galegos, á Casa Rosada e a Embaixada de España en Arxentina”, sinalou a secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara.

A Verdade e as súas fendas. Porque a Delegación atópase no recanto financeiro da cidade de Bos Aires polo que pasan milleiros de persoas cada día que van dun banco ao outro. É dificil imaxinar unha localización mais incómoda. Pode que esté preto da Casa do Goberno e da Embaixada de España pero nin a Casa Rosada nin a sé do Goberno Español teñen por obxectivo a atención de moreas de cidadáns como sí a Delegación.

Tampouco falou Laura Seara das nóminas escandalosas dos empregados da Delegación da Xunta (en moito superiores aos salarios arxentinos) e menos ainda das dubidosas condicións nas que se levaron adiante as oposicións deses empregados.

Pola súa banda, non minte o Goberno galego cando dí que boa parte da colectividade   xa amosou a súa satisfacción polo traslado da oficina ás instalacións do Centro Galicia. Claro que se coida de engadir que o presidente dese centro é militante do PP.

Por último, algo de verdade tamén ten o que apuntou a ex delegada María Xosé Porteiro no seu blog: “Trátase dunha decisión que deixa en mans privadas a xestión de asuntos públicos. Fagamos o exercicio de empatía imaxinando ese tipo de solucións aquí. (…) Leven a Delegación da Xunta en Pontevedra ao Casino, a da Coruña á Confederación de Empresarios e a de Vigo á sede da CIGA”, anotou.

Velái, as moitas facianas da Verdade. Ou da Mentira.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Xuño 18, 2009

Un galego calquera

Esta é a historia dun galego calquera. Un galego da diáspora. Un home educado por pais que deixaron a súa aldea de Fisterra hai máis de sesenta anos e chegaron a Bos Aires para edificarse unha vida e -así- edificar este país. Unha historia calquera.

O home chámase Jorge. Fillo de Juan. Socialista de toda a vida e pais de dous fillos pequenos. Nada extraordinario. O noso galego calquera, voltaba á sua casa nunha noite de chuvia cando dous homes quixeron roubarlle. Golpearono na cabeza e deixárono tetrapléxico.

Era o mes de novembro do ano 2007 e a nova chegou a todos os xornais (tamén aos medios galegos) porque Jorge Rivas era daquela un alto cargo do Goberno arxentino. De todos os xeitos, pouco importaban os poderes cando a morte respiraba tan pero tan preto del.

Os médicos non daban esperanzas. E non por egoístas. Sinxelamente, non as había. O dano cerebral era irreversible. O espanto e a conmoción estaban en todas as canles, en todas as casas.

Pero, dito foi antes, o noso Jorge é galego. E houbo quen viu niso a posibilidade da supervivenza. Despóis de todo, ten no seu ADN, na súa memoria histórica, emotiva e xenética a pegada da resistencia, da vida mesmo cando non quedan motivos para vivir. E Jorge Rivas non morreu. Claro que non.

Hai menos dun mes, nun acto que foi todo emoción, o galego Jorge Rivas, ex-xefe de Gabinete de Ministros- asumiu como deputado o cargo para o que fora votado antes do roubo. Chegou ao Congreso na súa cadeira de rodas e, como non pode falar, prometeu o seu posto movendo a cabeza. Pasaran ano e medio dende que quedou preso nun corpo que non é quen de mover. Ano e medio no que aprendeu a vivir de novo.

Jorge Rivas comunícase cos outros grazas a un sistema informático deseñado por alumnos dunha universidade pública que permite que o seu ordenador recoñeza os acenos feitos por unha man e os traduza a sons metálicos que falan o que el non pode.

Con este sistema, o deputado Rivas -fillo de galegos- ofrecerá os seus discursos no parlamento. Tamén lle vale para dar entrevistas. Hai poucos días, nalgunha delas dixo: “A dereita está acubillada e ten actores moi influientes para penetrar no tecido social. Está sempre lista para explotar políticamente calquera contradición. E xa vimos como se comportan cando se trata de defender os seus privilexios. De todas as maneiras, volverán tomar a iniciativa só se o permitimos”. E así remata (so por hoxe) esta historia dun galego calquera.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Xuño 11, 2009

A utilidade do galego II

“A utilidade dunha lingua non é nunca universal. A familiaridade lingüística, as identidades nacionais ou os lazos culturais son variables que sen dúbida inflúen na importancia dun idioma». Como ando a matinar na utilidade das linguas pensaredes que atopei esta interesante definición na proclama dalgún defensor do galego. Despóis de todo, semella que so fala de identidade, de lazos culturais e de lingua quen ten que argumentar sobre a valía dun idioma minorizado.

A frase forma parte dun documento titulado O mercado das linguas. Vaia título e vaia limitación, nestes tempos nosos, a de buscar nas leis do mercado a sabiduría e a ecuanimidade que queda claro que non teñen.

O mercado das linguas é un artigo que se pode atopar na páxina do Instituto Cervantes e ten por propósito suliñar as vantaxes do castelán no panorama mundial dos idiomas, coa mesma delicadeza coa que o vendedor de coches nos deixa ver o potencial dun modelo sobre os outros. “Malia a enorme diversidade das linguas, a concentración de falantes nunhas poucas é incontrastable -apunta- de xeito que as 10 linguas máis faladas achegan nada menos que a metade dos falantes do mundo”. E claro, os número son certamente importantísimos se estamos a falar de linguas, de identidade e de cultura.

Por se quedan dúbidas, se engade que no ranking mundial o “español ou castelán atópase bastante ben situado”, que é lingua nativa en 23 estados e que se espalla nun continente (América) e medio (Europa). Se estes fosen os parámetros axeitados para analizar a relevancia dunha lingua, non é menos relevante o portugués que é a quinta lingua no mundo con 240 millóns de falantes e cunha presencia xa non nun continente e medio senón case que nos cinco.

Isto explica, por exemplo, xa volo contei que as escolas da Arxentina estean incorporando fortemente o ensino obrigatorio do portugués como mecanismo para que os rapaces e as rapazas rematen a súa escolarización dominando dúas das linguas máis faladas do mundo. Unha “vantaxe intelectual innegable”, como definiu unha avogada arxentina amiga para a que é inexplicable que -na outra beira do Atlántico- quen naturalmente ten esta riqueza teime na súa perda.

Esta rapaza arxentina non o entende. “É un privilexio ser bilingüe de nacemento, xa non só polo valor da identidade senón porque está probado que falar mais dunha lingua desenvolve a capacidade cerebral vencellada á fluidez verbal, entre outras”, dime sorprendida. Voulle mandar o artigo O mercado das linguas porque remata dicindo que para analizar a utilidade dun idioma tamén “haberá que ter en conta a imaxe e os estereotipos dos países «exportadores» da lingua” o que simpáticamente chaman “efecto made in sobre a lingua”.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Xuño 4, 2009

A utilidade do galego I

Non sei por que a lingua galega ten que pasar probas todos os días. Que se vale para namorar. Que se vale para ser listo. Que se vale na escola ou para ser médico ou avogado. Dende logo, non me chaman a atención estas dúbidas e as limitacións no pensamento que as motiriza. Como tampouco me sorprenden as marabillosas e creativas maneiras que os galegos e as galegas sempre atopan para reafirmar o evidente.

Nestes días agradecín a mesura dos científicos e científicas galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear cando dixeron:  «Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións científicas, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán».

Polo mesmo, saudei os centos de comentarios e historias que recebiu o manifesto lanzado dende Londres baixo o títitulo “O galego é útil” e que se pode ler na páxina http://ogalegoeutil.wordpress.com Alí os autores explican: “Isto é un manifesto espontáneo, vivo, interactivo, libre de ideoloxía e afiliación política, co que pretendemos, desde a nosa experiencia no estranxeiro, desmentir o mito de que “o galego non vale para nada” ou “só serve dentro de Galicia””.

Din que o galego facilitoulles a aprendizaxe doutros idiomas, axudoulles a facer negocios fora da terra e a relacionarse con outras persoas. A xornalista Inma Gil -impulsora da páxina- traballa no servizo mundial da BBC e di: “Teño que cubrir a diario noticias internacionais, tratando na medida do posible de falar directamente cos protagonistas. A capacidade de falar galego axudoume en numerosas ocasións”.

O programador Xesús Magariños asegura que o galego válelle para estar no mundo: “Empregoo para aprender outros idiomas e mellorar a pronunciación. Axudoume en Polonia coa pronunciación do polaco, en Londres co inglés e nestes intres estame a axudar co francés”. E engade: “A nivel profesional en Londres o galego é un activo, pola porta que abre con Brasil. Para min é unha vantaxe competitiva”. E ao enxeneiro informático e empresario José Ramon Pichel Campos a lingua serviulle para comunicarse e facer negócios.

Eu, coma o escritor e xornalista Santiago Jaureguizar apuntou na páxina “non sei porque temos que demostrar a utilidade dun idioma coma se fose unha fresadora, pero si, claro que é útil”. Gardo para a semana otra destas iniciativas. E quedo pensando na utilidade das linguas.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Maio 28, 2009

Non só clubes de lectura

A fío do que aprendimos e descubrimos a semana pasada neste Diario Cultural que nos achega sobre os clubes de lectura en xeral e sobre Espazo Lectura de Gondomar en particular, quería eu engadir algúns trazos dende aquí. Xa non sobre o concepto deste tipo de grupos, xa non sobre o traballo de animación que poden espallar, xa non sobre o efecto de mercado que tamén teñen. Eu, hoxe, dende Bos Aires, quería referir á forte pegada emocional e identitaria que un clube de lectura pode imprimir. Eu quería falarvos sobre o moito que pode facer pola conciencia dunha Galiza presente no mundo, sobre o moito que aprende e seduce, e sobre a maneira natural (e non por iso armónica) coa que desvela a pertenza a unha nación, a unha cultura e a unha lingua.

Quería falarvos, se non mo tomades a mal, sobre o club de lectura que mellor coñezo: o que funciona no Café Tortoni da cidade de Bos Aires hai xa tres anos. Os por qué dese ciclo de literatura xa os coñecedes. Os como tamén. E dos quen e para que lembro que vos falei así como do que lemos e da nosa maneira de comentar e debatir.

Esta tarde, quero contarvos a historia de Claudia, xornalista e neta de galegos que descubriu que podía ler na lingua da Galiza sen ela sabelo porque esa foi a lingua dos seus ao longo de séculos. Claudia vai a cada xuntanza co seu fillo de poucos meses para non perder os debates.

Tamén quero dar conta da historia de Cecilia, bibliotecaria, que chegou ao Tortoni coa sua nai e que non só atopou lazos da súa identidade senón un emprego na Biblioteca Galega de Bos Aires. Quero falarvos de Mariela, licenciada en Letras, que chegou no 2007 porque se falaba da Guerra Civil -que é o tema da súa tese de doutoramento- e foi convidada a guiarnos na análise da obra de Rosalía de Castro o sábado pasado.

Non quero deixar de falarvos sobre Antón, profesor e entusiasta participante das xuntanzas,  que leva un meticuloso inventario das referencias á emigración que agocha cada un dos libros traballados. Tamén o señor Xemeno, grande polemista que sempre atopa a maneira de referir á súa Coruña e que nos aprende cada sábado algo sobre a Galiza que tanto e tan ben coñece.

Remátanme os tres minutos e ainda nada dixen da señora Alba, de Lola, de Susana ou mesmo da miña irmá pequena, Grisel, que cando leu a primeira novela do ciclo comentou asombrada: “Pero se este libro fala da nosa avóa!”.

Os clubes de lectura son moito máis que clubes e moito máis que lectura. Son unha ferramenta política poderosa, moito máis cas bombas, cuio potencial de cara ao mundo ainda a Galiza non descubriu.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Maio 21, 2009

Resistencia ou disidencia

Como calquera sabe, a internet vale para que os rapaces perdan o tempo e copien traballos para a escola. A rede vale para roubar cartos dos bancos, para ligar ou para ver o novo episodio de Lost antes ca ninguén. Pero a internet tamén vale para discutir e para debatir. Para buscar camiños e pensar o futuro.

O crítico cinematográfico Martin Pawley e mais eu levamos hai días preguntándonos sobre o futuro próximo da cultura galega. É un debate mar por medio, a través do chat e que se enlaza con cinco horas de diferenza. É un debate que xurdiu dunha distinción semántica: tocan tempos de resistencia cultural para Galicia ou tocan tempos de disidencia cultural?

Martin prefire o concepto de disidencia. El explica o motivo: “O que me interesa é a idea de actuar á marxe, separarse dos camiños comúns -apuntou no chat-. É dicir, creo que agora máis que nunca hai que moverse, optar pola “vía cívica”, pola autoorganización, por facermos cousas á marxe do que nos deixe facer o Estado. E non porque goberne o PP, hai que facelo sempre”.

Como non se trata só de ideas, Martín apunta exemplos concretos: “Hai asociacións facendo cousas moi interesantes -escribe-. Espazo Lectura en Gondomar, por exemplo. E terá que haber máis. Crearmos foros e espazos de debate, mais non só de debate, tamén de acción, e procurar recursos á marxe da administración. Non podemos estar permanentemente entregados a ela, pendentes de se terán “sensibilidade” ou non cara as nosas propostas”.

As palabras de Martín Pawley poden soar disonantes no contexto cultural galego pero, para o estilo arxentino non fai máis que retratar o modelo común de xestión cultural por fora do Estado. Dalgunha maneira, a Galicia e a Arxentina ofrecen mecanismos antagónicos e por tanto que se poden retroalimentar. Tamén aquí hai colectivos galegos que funcionan con éxito sen o financiamento estatal (nin dalá nin daquí).

Di él que a pregunta que cumpre facer é se hai espazo por fora dos ocos que o Estado reserva para esas cousas. E pon a consideración unha resposta: “Debe habelo. De feito, tradicionalmente as máis valiosas accións naceron do asociacionismo, da organización cívica… na España dos anos 70-80, houbo moitos colectivos argallando cousas potentes”.

No que coincidimos é que os tempos son chegados. Dende a resistencia ou dende a disidencia. Toca sair á rúa, facer o que pensamos que debe ser feito, deixar atrás a poltrona do espectador e coller o traxe de actores da nosa propia cultura. Ti que sabes facer? Ti que pensas que cumpre facer? Anímaste a buscar a outros que pensen coma ti?

De resistencia e de disidencia. Da cultura galega. Ainda que os xornais pouco falen disto, a internet tamén vale para buscar camiños e pensar o futuro.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Maio 14, 2009

As Letras en Bos Aires

A información dí asi: “Os xardíns do Trocadero (en París) falarán galego esta semana. Neste escenario privilexiado desenvólvese ata o día 17 de maio a primeira “Semana Cultural de París” na que se ofrecerán exposicións, vídeos, conferencias, concertos, así como degustacións de produtos gastronómicos entre outras actividades. O vindeiro domingo, coincidindo coa celebración das Letras Galegas, destaca o unha conferencia sobre Ramón Piñeiro, o homenaxeado nesta ocasión”.  Que me dera darvos unha nova coma esta referida a Bos Aires, pero non é posible: non hai aquí semana da cultura galega, como non hai actividades centralizadas que colaboren na visibilización das Letras Galegas para os arxentinos.

Este ano, como todos os anos, un feixe (minoritario, dende logo) de centros da colectividade ofrecerá un acto para lembrar a Piñeiro e falar do Día das Letras Galegas, en castelán, tamén como todos os anos.

O sábado, na Federación de Sociedades Galegas haberá unha conferencia do vice-rector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Área; e do escritor Antonio Pérez Prado baixo a moderación do historiador Ruy Farías. Logo haberá viño, claro.

Tamén haberá charla no Centro Galicia como todos os anos. Será á mesma hora que a anterior e no remate haberá cantareiras e música. Media hora antes, o Centro Betanzos convida á presentación do licenciado en Letras Higinio Martínez que vai disertar sobre o “Día das Letras Galegas”. Tamén será antes do viño de honra, prometen.

Un día antes e da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, quedará inaugurada a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” sobre a historia do galego a súa presenza no mundo. A mostra poderá visitarse durante todo o mes de maio na céntrica Casa da Cultura, do goberno da Cidade de Bos Aires o que sí que representa un importante paso adiante.

Pero no seo das institucións galegas aquí, a excepción será -tamén como todos os anos- o Instituto Santiago Apóstol que vai abrir as súas portas o venres día 15 para que os seus alumnos (uns cincocentos cativos e adolescentes) homenaxeen á cultura de Galicia. Baixo a coordinación do entusiasta profesor Carlos Rodríguez Brandeiro os rapaces ofrecerán dúas funcións nas que se producirá o fermoso milagre de escoitar como nese centro o galego é moeda corrente na fala. Unha fala bulideira, natural e desenvolta. Eles, eses rapaces e a súa fala son a promesa de que, algunha vez, as cousas aquí xa non serán como todos os anos.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Maio 7, 2009

A boa comunicación

O domingo pasado, día 3 de maio, celebrouse en todo o mundo o Día da Liberdade de Prensa ou o Día da Liberdade de Expresión que, ainda que non veñen sendo o mesmo (e vaia que non son o mesmo), moitas veces aparecen equiparados. A idea desta festa xurdiu na Unesco para o recoñecemento da prensa libre, pluralista e independente como un compoñente esencial de toda sociedade democrática.

Foi ese mesmo domingo que o meu Facebook deu en falar do discurso que teceu a xornalista Belén Regueira cando recolleu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora na televisión. As voces repartíanse en dous grupos: os que escoitaran a Belén e deixábanlle parabéns e agradecementos, e os que non a escoitaran e por tanto pedían que algunha alma caritativa subise o video para que o resto puidese enterarse.

Non é doado analizar o campo de traballo da comunicación. O seu obxecto de estudio é esbaradío e moitas son as disciplinas que reclaman participación na partilla. Qué será o que a Academia Galega do Audiovisual escolle premiar é algo tan dificil de definir como o concepto mesmo de comunicación. Con todo, e mais alá dos matices, das correntes, escolas e teorías, comunicar significa poñer en común e, xa que logo, compartir.

Pero qué foi o que dixo Belen Regueira na gala dos Mestre Mateo. Escoitádea:

Poñer en común e compartir. Comunicar tamén significa dicir o que hai que dicir. E facelo cando cumpre dicilo.

Apertas ao lonxe…

Publicado por: deboracampos | Abril 30, 2009

Galiza na Feira do Libro de Bos Aires

Hai unha semana que comezou a Feira Internacional do Libro de Bos Aires, un escaparate cheo de vida, de cores e de voces que é percorrido por algo menos dun millón e medio de persoas cada ano. A mostra ocupa máis de 45 mil metros cadrados polos que se espallan case que 1300 expositores, entre eles 42 países do mundo, entre eles a Galiza.

Moitos deses países teñen o seu día na Feira. O sábado pasado foi o Día de Galicia e o título do acto central -Galicia e Arxentina: zonas comúns- non puido ser mais axeitado e ao mesmo tempo anticipar tanto o que alí ocorrería.

Dende logo, é ben dificil percorrer todas as zonas comúns entre estes dous países nunha conferencia. Os valentes oradores desa tarde foron o escritor e editor Victor Freixanes, a narradora e académica arxentina María Rosa Lojo e o recoñecido autor Xabier Docampo. Tiñan entre oito e dez minutos cada un para expoñer a súa ollada sobre a tradición deste lazo, sobre as múltiples maneiras da súa expresión, sobre a situación actual e sobre os desafíos do futuro.

Freixanes abriu o faladoiro e a pouco de saudar un home berrou entre as case que 300 persoas que alí estaban para pedir: “Puede hablar en castellano para que la prensa argentina entienda lo que dice?”. O rexeitamento xeralizado do público e non poucos berros deronlle unha resposta anticipada á pregunta. Cando volveu a calma, Freixanes explicoulle ao suposto xornalista que ainda que el podía, certamente, falar en castelán, escollía atender o pedido maioritario dos asistentes e falar en galego. E ofreceulle alí mesmo e de contado unha entrevista en castelán para dar conta do que diría e garantir así que o home entendese todo.

“A lingua é a representación da identidade dun pubo -dixo Freixanes a fío do sucedido-. Cando dicimos bolboreta, cando dicimos bidueiro, cando dicimos camiño somos donos da bolboreta, do bidueiro e do camiño”. O escritor e editor recoñeceu que dende a Galiza territorial non sempre se sabe o que hai na Galiza exterior. Por iso, dixo: “Penso que os que vimos temos a obriga de levar as vosas palabras alá”. Antes de rematar, lembrou o papel determinante que xogaron os galegos na constitución da Arxentina e desexou nun futuro próximo a coordinación xeral da presenza galega no mundo para funcionar como unha verdadeira rede de influencia.

Logo, María Rosa Lojo contou a súa propia historia de vida que é coma a de tantos profesionais e académicos que traballan con moito prestixio na diáspora. E Docampo pechou lembrando que a verdadeira patria está onde está o corazón dos galegos. Pasado, presente e futuro da Galiza toda. Nunha conferencia. Oito a dez minutos cada orador.

Apertas ao lonxe…

Older Posts »

Categorías